Santa Comba. Os veciños da parroquia de Ser, no concello de Santa Comba, expresan a súa crecente preocupación polo estado de abandono da contorna da casa reitoral e do seu hórreo, un elemento patrimonial que se atopa en bo estado de conservación, pero practicamente oculto pola abundante maleza.
Segundo denuncian os residentes, a vexetación medrou de forma descontrolada, impedindo incluso a visión destes inmobles e ofrecendo unha imaxe de abandono que consideran impropia dun lugar de valor histórico e patrimonial.
Ademais do impacto visual, os veciños advirten do elevado risco que supón esta situación en plena época de perigo alto de incendios forestais. A acumulación de maleza ao redor da casa reitoral e do hórreo incrementa o risco de propagación do lume, o que preocupa especialmente aos habitantes da parroquia.
«É unha cuestión de respecto polo patrimonio e tamén de seguridade», sinalan os veciños, que fan un chamamento para que se actúe con urxencia. «Quen poida facer algo, que o faga», reclaman, apelando ás administracións e ás autoridades competentes para que leven a cabo as tarefas de limpeza e mantemento necesarias.
Os residentes confían en que esta situación sexa atendida canto antes e que se proceda á roza da maleza, tanto para preservar o patrimonio da parroquia como para reducir o risco de incendio e mellorar a seguridade da zona.
