Dende Avanza Santa Comba queremos denunciar publicamente o lamentable estado no que se atopa a Área Recreativa das Medroñas, un espazo natural que debería ser un referente para o lecer e o turismo no noso concello, pero que hoxe presenta unha imaxe de abandono evidente.

Na nosa visita puidemos comprobar que a auga presenta unha preocupante cor gris, o que esperta dúbidas sobre o seu estado e dá unha sensación de posible contaminación. A isto súmase a abundante maleza e a falta de mantemento xeral da contorna, ofrecendo unha imaxe moi afastada do que merece un espazo destas características.

Ademais, queremos poñer de manifesto que, despois da celebración da cachela de San Xoán, a zona non foi limpada. Aínda permanecen no lugar os restos da fogueira, unha mostra máis da falta de coidado e de atención por parte do Concello.

Consideramos que esta situación non só prexudica aos veciños e veciñas que utilizan este espazo, senón tamén á imaxe de Santa Comba de cara ás persoas que nos visitan. A Área Recreativa das Medroñas ten un enorme potencial turístico e ambiental, pero para aproveitalo é imprescindible que se realicen labores de limpeza, mantemento e conservación de forma periódica.

Por iso, dende Avanza Santa Comba pedimos ao Concello que actúe con urxencia para recuperar este espazo, garantindo unhas condicións dignas tanto para o desfrute da veciñanza como para potenciar o turismo no noso municipio. Coidar do noso patrimonio natural é unha responsabilidade que non pode seguir sendo ignorada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *