
Desde Avanza Santa Comba queremos denunciar o estado de abandono que presentan os xardíns da Casa da Cultura, unha situación que consideramos denigrante para un espazo público tan emblemático do noso concello.
Onde antes se atopaba a palmeira, deixouse o peche que había, pero o seu interior está completamente cheo de maleza, ofrecendo unha imaxe de total deixadez. Ademais, observamos que xa nin sequera se preocupan por tapar as tubaxes do sistema de rego, que permanecen á vista sen ningún tipo de protección.
A maiores, queremos chamar a atención sobre a charca situada ao carón do edificio da Casa da Cultura. Leva tempo baleira e abandonada, cando antes formaba parte dun conxunto que contribuía a embelecer este espazo.
Consideramos que esta falta de mantemento non é propia dun lugar tan representativo para Santa Comba. Os espazos públicos deben coidarse e conservarse, xa que forman parte da imaxe que ofrecemos á veciñanza e ás persoas que nos visitan.
Por todo isto, desde Avanza Santa Comba solicitamos ao Goberno municipal que actúe con urxencia para limpar, acondicionar e recuperar os xardíns da Casa da Cultura, poñendo fin a unha situación que non debería prolongarse por máis tempo.





¿Como estaba no pasado?

