
O estado actual das pistas da Pereira é simplemente lamentable e supón unha mostra máis do abandono evidente por parte do Concello. A falta de mantemento é clara e queda perfectamente reflectida nas imaxes, nas que se pode ver o deterioro progresivo dunhas instalacións que deberían estar ao servizo da veciñanza e en condicións dignas. Non falamos dun problema puntual, senón dunha situación prolongada no tempo, froito da deixadez, da ausencia de planificación e do incumprimento reiterado das promesas feitas aos veciños.
Mentres as pistas seguen abandonadas, sen firme e sen ningún tipo de actuación visible, o señor Romar continúa vendendo fume, facendo anuncios baleiros e ofrecendo discursos que pouco teñen que ver coa realidade. A distancia entre o que se di e o que realmente se fai é cada vez máis evidente. A veciñanza está cansa de palabras e esixe feitos, porque estas instalacións deportivas son un espazo importante para o lecer, o deporte e a convivencia. O abandono das pistas da Pereira non só é unha falta de respecto aos usuarios, senón tamén un claro síntoma dunha xestión municipal deficiente, máis preocupada pola propaganda que por atender as necesidades reais do pobo.
